Dec 29

Queremos 11 Bergantiños

Sen clasificar Comentarios desactivados en Queremos 11 Bergantiños

Imaxe de Vavel España en Flickr

… ou 11 Juan Domínguez, ou 11 Rochelas ou 11 Fran. Tanto ten o nome que lle poñades. A esencia non cambia: queremos un plantel que coñeza o escudo que levan no peito, que representa e a quen levan detrás de si. 11 homes cuxo obxectivo sexa xogar no Deportivo e non pasar uns meses ou uns anos na procura dun futuro mellor. Queremos 11 homes para quen o Dépor sexa o seu futuro. E que loiten para que o futuro de todos sexa mellor. De todos: o seu e o noso, porque é o mesmo.

Nas últimas tres temporadas, foron case 50 os xogadores que compartiron vestiario. Moitos nin pisaron o céspede. Chegaron como viñeron. Alguén se lembra de Sand, ou de Javito? Que foi Rindaroy, de Urreta ou de Juca? Porque Desmarets ocupaba unha ficha e, en cambio, ese ano Álex Bergantiños vagaba polo Granada e o Tarragona? Non era máis válido que el? Pita non merecía máis que Antonio Tomás vestir a nosa camiseta? Ten máis dereito para estar no Dépor Roderick que Rochela? Merece unha segunda oportunidade de triunfar, cando xa nin as ten no seu equipo, un tal Sindey e nin llas damos a Insua?

Nós temolo claro: non. E por un motivo: para Rochela ou para Insua, para Bergantiños ou para Juan Domínguez ou Laure, o Dépor é o mesmo que para calquera das persoas que van a Riazor. É o seu equipo. Álex e Laure demostrárono renovando o seu contrato: aquí se criaron como xogadores e aquí queren estar. Son aqueles cativos que xa despuntaban cando xogaban na Sagrada Familia no patio do colexio. Son o veciño do lado, os que ves na bancada nun partido do Liceo.

Representan unha canteira, a nosa. Represéntanos a nós, a cada un de nós. Teñen un compromiso que non atoparemos nunca en xogadores que hoxe están aquí e mañá nin eles mesmos saben. O tempo dirá como falou para Álex ou para Juan Domínguez.